Aconteceu en setembro do 2021….

 

Gústame gardar entre as páxinas dos libros entradas de espectáculos ou lugares que visito, billetes de tren ou avión, panos de mesa con notas etc.

Que alegría levo ao atopar, tempo despois, eses rastros e podo gozar novamente dun cadro, unha melodía ou un vento no alto dunha torre…

Por iso, cando compro un libro de segunda man celebro encontrar a pegada de quen un día o tivo entre as mans: un cupón da once, unha carta, unha flor seca…unhas notas á marxe.

Hoxe, en abrindo un libro de Florencio Delgado Gurriarán que recollín en Correos, tiven un deses encontros máxicos.

Con letra clara e de trazo firme, unha dedicatoria do autor: “á miña benquerida sobriña Maruxa, dozura galega no luminoso Levante”.

Pero o mellor, sen dúbida ningunha, a data na que foi escrita: hai hoxe exactamente corenta anos!!

Rematando o ofrecemento, algo máis belido inda: “Córgomo, día da vindima”

Para os “viñófilos” a colla da uva é un dos grandes fitos do ano, a xénese de momentos gloriosos no futuro, a celebración do encontro de terra e espírito.

E, aínda que son de celebrar todos os viños do país, no meu particular percorrido camino dionisíaco Valdeorras ten unha parada longa e chea de memoria, que xa vos contarei outro día.

Paso as páxinas e atopo a letra do autor corrixindo  os seus propios versos. Imaxino a súa man pasando o lapis por onde hoxe pouso os meus dedos e bótome a tremer sen poder remedialo.

Ben sei que para o ano han de vir as homenaxes, pero, se mo permitides, eu vou abrir un Merenzao “mouro viño de ensoños, gorentador e vello” e brindar por este encontro.

 

Vendimando versos é un espectáculo de versos e crónicas ao redor da obra de Florencio Delgado Gurriarán. Unha viaxe dende o Barco de Valdeorras a México. Unha historia de amor pola terra, a lingua e os costumes e tradicións da súa xente.

«Namórame o feitizo do tesouro

-fino brocado de candeas de ouro-

enfeite dos petrechos castiñeiros»

Duración 50 ´

Público: maiores de 8 anos

Necesidades técnicas: espazo escénico mínimo de 3×4 m.

Montaxe:60 m

Cartel Día das letras 2022

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *