A finais de 2019, cando Manuel a trouxo de volta ao país para a exposición Galicia, un relato no mundo, o encontro tivo sabor a pouco. Eu, operada poucos días antes, arrastrei as miñas muletas para vela e prometín regresar cando xa estivera de pé con elegancia. Pero ela tivo que marchar, como marcharon tantas cousas aquel marzo da pandemia.
Unha noite soñei con ela. Moita xente fala dos somos estraños daqueles días.
Ela estaba soa, na escuridade desas salas baleiras onde o único que rompía o silencio eran os pasos lenes do home de seguridade. Miraba pola xanela e choraba. Agardaba. Como agardan as mulleres que levan décadas atravesando o tempo. Como agardamos nós, sen saber cando volveriamos atoparnos.
Eu coñecín a Santa de nena, cando iamos ao médico na Casa de Galicia. Ela aínda estaba ao pé da escaleira e miña nai ameazaba a miña irmá e máis a min, que era a peor, a lianta: «Portádevos ben ou a señora vaivos levar». Todo dito cun dedo en alto e co ton de miña nai, que aínda hoxe resoa na miña cabeza na maioría dos pasos errados da miña vida.
Lembro mirar para aqueles ollos profundos. Para min era inmensa, a xiganta do conto, toda forza e, como nos contos, coa mirada perdida ao lonxe. Subiamos as escaleiras mirando para ela, coa sensación de que en calquera momento deixaría de ver o pano, o xugo entre as follas verdes, os pendentes, e xiraría a cabeza. Mesmo unha vez baixei soa as escaleiras e faleille baixiño:
—Mírame, mírame…
——–
Fai un par de días produciuse o reencontro. Santa estaba rodeada de autoridades, eminencias e eruditos. Entre as cabezas mirei cara a ela e sentín que a miña nena xa non lle ten medo. A muller que son mirouna cos ollos mollados e a gorxa tomada, e só desexou liberala da carga do xugo e deixala un día nun bosque de carballos; que vexa de novo os seus ríos, as súas fontes, os seus montes, o bosque onde naceu, a pedra onde sentou. Pero estabamos nun acto solemne, con moitas palabras…
Mellor vou outro día e direille baixiño:
—Mírame, mírame… estamos na casa.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *