No lugar da Espenuca, en Coirós (A Coruña), atópase a Igrexa de Santa Baia da Espenuca, un dos testemuños máis interesantes do románico primitivo en Galicia. Se non fose polos eucaliptos, poderiamos ver o que viron no seu día quen a levantaron: boa parte da comarca das Mariñas estendéndose aos pés do monte.
O topónimo Espenuca vén de spelunca, que alude a “cova” ou “gruta”, tal e como se menciona na Historia Compostelana. O nome non é casual e deixa entrever a presenza antiga dun lugar singular, posiblemente de culto, asociado á pedra, á auga e ao milagre. As lendas aínda perduran e falan dun espazo especial, cargado de significado. Santa Baia foi sempre considerada unha santa valedora dos partos e da fecundidade, unha protección invocada polas mulleres en tempos nos que a experiencia era a mellor garantía.
Na apertura da estrada cara ao templo atopáronse restos materiais de poboamento antigo: tégulas, un muíño de man e outros achados que evidencian unha ocupación anterior do lugar, moito antes da igrexa que hoxe coñecemos.
Tal e como recolle Iñigo Mouza Riobó en Historia de Galicia, “como en outros tantos lugares depositarios de ritos pagáns, co paso dos séculos foi cristianizado”. Segundo unha inscrición nunha rocha próxima —hoxe desaparecida—, no século IX construiríase sobre o lugar unha ermida en honra a Santa Eulalia, dato confirmado tamén por documentos da época. Porén, é posible que xa existise unha capela anterior, posiblemente do século VI, que podería ter sido derrubada durante as invasións normandas.
A igrexa aparece citada no ano 830 entre as posesións do bispado de Iria Flavia, e ao longo dos séculos foi gañando relevancia, chegando a formar parte no século XI do priorato de Cis e, máis tarde, vinculándose ao mosteiro de San Martiño Pinario, en Compostela.
Arquitectonicamente, Santa Baia presenta unha nave única de pequenas dimensións e un ábside rectangular, unha configuración sinxela pero chea de detalles valiosos. A fachada occidental está condicionada pola forte pendente do terreo, o que obrigou a escavar a rocha para facilitar o acceso. A portada conta cunha dobre arquivolta apoiada en columnas acodilladas, elementos propios da tradición construtiva románica. Os capiteis, aínda que erosionados polo paso do tempo, conservan decoración vexetal e deixan ver o labor artesanal da época.
A poucos metros atópase a capela do Santo, da Botilla ou de Santa Ana (asegun con quen fales), onde se pode apreciar un ara, unha estela anepígrafe (sen inscrición) e un trisquel moi desgastado, que orixinariamente formaba parte dun muro do interior da igrexa e que hoxe se conserva no lintel. No interior da capela tamén se garda unha pía románica que, con toda probabilidade, pertencía ao templo principal.
É unha mágoa non poder ver o interior da igrexa, onde aínda se conservan pías bieiteiras e algunhas pezas románicas reaproveitadas nos muros e unha ventá románica. Tampouco fomos quen de atopar os sarcófagos antropomorfos que, segundo a tradición, se atopan preto da espadana, na explanada superior. Haberá que volver cando haxa misa e completar a visita como se merece.
O exterior do templo fala tamén dunha historia complexa: as diferenzas de altura entre nave e ábside, as saeteiras, as ventás de arco de medio punto e a presenza de canzorros son testemuñas dunha evolución arquitectónica e estilística que atravesa varias etapas do medievo galego.
Románico e lendas, non hai mellor combinación para min.
Bo comezo de mes!








