Odiseicas: as que tecen a historia é un espectáculo de narración oral escénica inspirado na obra e no

pensamento de Begoña Caamaño, autora homenaxeada nas Letras Galegas 2026, cuxa escrita supón

unha profunda relectura feminista dos mitos fundacionais e dos relatos herdados. A proposta sitúa a

igualdade no centro da escena non como mensaxe pedagóxica, senón como mirada narrativa: quen fala,

quen é escoitada e desde onde se constrúe o relato.

A través de historias adaptadas segundo o público, Morganas, Cirses, Penélopes e outras mulleres toman

a palabra para contar a súa versión da historia. Personaxes tradicionalmente relegadas aos

márxenes dos relatos canónicos ocupan aquí o centro da narración, revelándose como mulleres que

pensan, deciden, lembran e actúan. O espectáculo propón así unha revisión crítica do imaxinario clásico,

ofrecendo referentes diversos e igualitarios sen renunciar á potencia poética do mito.

Concibido para espazos teatrais, o formato baséase na presenza da narradora, na palabra dita e na

construción dun espazo simbólico a través da voz e do corpo. Os fíos aparecen como metáfora central:

se na tradición foron símbolo de espera ou silencio, aquí transfórmanse en camiños, pontes e ás. Non

todos os fíos son para tecer e destecer; tamén poden servir para escapar, para voar, para imaxinar outras

vidas posibles. A escena articúlase arredor dunha materia mínima que se transforma coa narración.

Os elementos escénicos non representan, suxiren; non decoran, activan imaxinarios. A súa lixeireza

permite que o espectáculo se adapte a distintos espazos sen perder densidade simbólica, facendo da

palabra e do corpo os verdadeiros motores da escena.

O espectáculo conta con diferentes versións segundo o público. Para público infantil e familiar, as historias

preséntanse adaptadas á idade e á capacidade de escoita. Para público adolescente ou adulto, incorpóranse

textos orixinais de Begoña Caamaño, respectando a súa escrita e a densidade do seu pensamento,

nunha proposta que reforza o diálogo entre literatura, narración oral e escena contemporánea.

As que tecen a historia é unha proposta escénica comprometida coa igualdade, que fai da narración oral

un espazo de resistencia simbólica, revisión do canon e celebración da palabra como acto político e poético

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *