A miña porta ás letras galegas abriuse co “Arraianos”, de Ferrín.
Ter amigos como Cadaval leva a este tipo de encontros.
Xa na casa Gago miraba para min conforme pasaba as páxinas, reparando nas miñas reaccións.
Non me vai da cabeza a expresión da súa cara ao lle contar o que sentira, nin a súa emoción ao asegurarlle que quería seguir lendo na súa lingua.
Andaba eu como en transo, namorada.
O meu ben e os amigos engadían «imprescindibles», e así fóronse volvendo necesarios eles tamén.
Devecía por entender, por saber desas pedras, deses bosques, deses homes e mulleres que desde a brétema dos tempos, na ribeira da fin do mundo, tiñan a capacidade de cantar e contar.
E así foi como lle collín medo aos lobos, escoitei as queixumes dos pinos, mergulleime en Esmelle e vaguei por rías e ríos.
Penso que xa daquela lin canto había d’ A Nosa Terra, Xerais e Galaxia. E sigo.
Os meus uruguayeses fóronse galeguizando. E así o “bosque” pasou a ser fraga, o “cielo” tornouse ceo, e a “lluvia”, choiva .
Lembro con agarimo o primeiro que contei en galego: as “Medias Azuis”; os primeiros versos memorizados, os de Celso Emilio.
Nese. percorrido houbo unha voz, escrita, esencial: a Historia da literatura galega contemporánea, de Ricardo Carvalho Calero.
Nada máis saber que estas Letras Galegas eran para el, decidín que nas miñas sesións de contos deste ano tiña que namorar, devolver o recibido, abrir algunha pequena porta na rapazada.
Levo andado moito polo mundo adiante, pero a viaxe máis marabillosa comeceina o día que achei as Letras desta terra que hoxe tanto amo.
#euquerogalego #AnoCarvalhoCalero
https://www.nosdiario.gal/…/letra…/20200514105930097605.html