Nunerías

Nuno é un gato curioso, irreverente e cheo de imaxinación. Vive no seu mundo felino como se fose un rei, e cada día é unha nova aventura: perseguir sombras, soñar con paxaros imposibles ou facerlle trampas ao reloxo da casa. En Nunerías, as súas pequenas trapalladas convértense en contos cheos de humor, tenrura e algunha que outra reflexión miúda sobre o mundo dos humanos.

Este espectáculo de narración oral para público infantil (a partir de 4 anos) combina contos de creación propia con historias inspiradas na tradición oral e na observación cotiá da vida doméstica e animal.

Nota da autora:
Nuno é o meu gato. Chegou ás nosas vidas un día de verán e puxo todo patas arriba. Gústalle durmir enriba da miña barriga, acariñarme coas patiñas e compartir comigo pratos tan inesperados como repolos, grelos ou unha boa caldeirada de raia. Con el aprendín a escoitar doutro xeito, a mirar con máis atención e a contar dende a súa altura de bigotes. Este espectáculo nace dese encontro real cun ser extraordinario que me ensinou novas formas de contar.