Odiseicas: as que tecen a historia é un espectáculo de narración oral escénica inspirado na obra e no pensamento de Begoña Caamaño, autora homenaxeada nas Letras Galegas 2026, cuxa escrita supón unha profunda relectura feminista dos mitos fundacionais e dos relatos herdados.
A proposta sitúa a igualdade no centro da escena non como mensaxe pedagóxica, senón como mirada narrativa: quen fala, quen é escoitada e desde onde se constrúe o relato.
A través de historias adaptadas segundo o público, Morganas, Cirses, Penélopes e outras mulleres toman a palabra para contar a súa versión da historia.
Personaxes tradicionalmente relegadas aos márxenes dos relatos canónicos ocupan aquí o centro da narración, revelándose como mulleres que pensan, deciden, lembran e actúan. O espectáculo propón así unha revisión crítica do imaxinario clásico,
ofrecendo referentes diversos e igualitarios sen renunciar á potencia poética do mito.
Concibido para espazos teatrais, o formato baséase na presenza da narradora, na palabra dita e na construción dun espazo simbólico a través da voz e do corpo. Os fíos aparecen como metáfora central: se na tradición foron símbolo de espera ou silencio, aquí transfórmanse en camiños, pontes e ás.
Non todos os fíos son para tecer e destecer; tamén poden servir para escapar, para voar, para imaxinar outras vidas posibles. A escena articúlase arredor dunha materia mínima que se transforma coa narración.
Os elementos escénicos non representan, suxiren; non decoran, activan imaxinarios. A súa lixeireza permite que o espectáculo se adapte a distintos espazos sen perder densidade simbólica, facendo da palabra e do corpo os verdadeiros motores da escena.
O espectáculo conta con diferentes versións segundo o público.
Para público infantil e familiar, as historias preséntanse adaptadas á idade e á capacidade de escoita.
Para público adolescente ou adulto, incorpóranse textos orixinais de Begoña Caamaño, respectando a súa escrita e a densidade do seu pensamento,
nunha proposta que reforza o diálogo entre literatura, narración oral e escena contemporánea.
As que tecen a historia é unha proposta escénica comprometida coa igualdade, que fai da narración oral un espazo de resistencia simbólica, revisión do canon e celebración da palabra como acto político e poético.

