Obradoiro dirixido a familias e á comunidade educativa para a análise conxunta de contos da LIX actual e tradicional.
Os contos constitúen un recurso fundamental na educación en igualdade, xa que transmiten símbolos, valores e roles que inflúen na construción dunha sociedade máis xusta e inclusiva. A través deles, todas as persoas poden desenvolver plenamente as súas capacidades, con independencia do sexo, favorecendo a autonomía persoal e a igualdade de oportunidades.
Historicamente, os contos funcionaron como ferramentas de transmisión de valores, aprendizaxes e modelos sociais propios de diferentes épocas. O seu uso está amplamente estendido nos ámbitos familiar e educativo; porén, en ocasións, a ausencia dunha reflexión previa sobre os valores que transmiten pode contribuír á reprodución de estereotipos e desigualdades.
Neste obradoiro proponse unha reflexión crítica desde unha perspectiva coeducativa e preséntanse propostas alternativas baseadas en valores positivos e igualitarios. Así mesmo, ofrécense estratexias para traballar o conto tradicional desde unha educación inclusiva e igualitaria, favorecendo o desenvolvemento integral de nenas e nenos.

