Versións en galego e castelán
Espectáculo para bebés e primeira infancia
Lupodivico Fernando Gómez de Tipiminí é un lobo moito máis pequeno ca o longo nome que lle puxo a súa nai. Por iso, todo o mundo o chama simplemente Lup.
Un día, Lup prepara a súa maleta e decide marchar dar a volta ao mundo.
Na maleta leva cousas moi importantes: un xersei, unha bufanda, uns peúgos de la, un libro de contos, unha pucha, unha mantiña, unha cámara de fotos… e tamén un chupete.
—Un chupete?
—É un chupete algo que se leva nunha viaxe tan divertida?
A viaxe de Lup é un espectáculo de narración oral, música e xogo pensado para bebés e crianzas pequenas, no que o público acompaña a Lup nunha viaxe chea de descubrimentos. A través dos obxectos da maleta, das cancións e dos pequenos xestos, constrúese un espazo seguro, tenro e participativo, no que cada nena e cada neno pode recoñecerse.
Unha proposta delicada que fala da primeira aventura: saír ao mundo sen deixar atrás aquilo que nos dá calma, agarimo e seguridade.
Contiños e xogos de Lup
Seguen as aventuras do noso amigo lobo.
Cando fóra chove ou fai frío, Lup queda na casa e o tempo énchese de
palabras, xogos e cantigas.
Entre trabalinguas, adiviñas e xogos cos dedos, os contos medran ao abeiro do colo.
Un espectáculo de pequeno formato, pensado para bebés de 10 meses a 3 anos e as súas familias.
Un tempo compartido para xogar coas mans, cos dediños e coa imaxinación.
“Rou, rou,
xouxigou,
ti que vas
e eu que vou”
Duración
30 m
Necesidades técnicas
Espazo escénico para unha mesa, un atril, un pequeno altofalante e unha
alfombra.
O público deberá estar comodamente instalado en cadeiras baixas ou no
chan, favorecendo un ambiente acolledor e relaxado.

