Espectáculo arredor da obra de Rosalía de Castro
Chove miudiño,
miudiño chove
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove.
Chove miudiño no país enteiro, e a chuvia non é de auga, non: é de versos.
Versos que prenden na punta do pé, que debuxan árbores senlleiras, que bailan coas bolboretas e bulen ao redor dunha nena que “sube as pólas das figueiras e alí deitase a soñar”.
Versos para xogar coas mans:
Ai, que meniña,
que nena preciosa!
Despois de lavada,
parece unha rosa;
e este meniño
que teño no colo,
despois de lavado
parece un repolo.
Versos para levar “na fronte unha estrela, no bico un cantar”.
Da man dos versos de Rosalía de Castro, nenas e nenos viaxaremos ao mundo da poesía e ao segredo agochado nunha caixa chea de postais, cartas e fotografías. Un espazo íntimo e compartido onde a palabra se converte en xogo, música e emoción.
E tamén aprenderemos a receita do caldo de gloria e dos boliños de pote, porque a poesía tamén se pode saborear.
Espectáculo recomendado para público a partir de 4 anos.
Ao remate, compartiremos caldo e boliños.

