Nadal Contado

Nadal contado, Nadal cantado — Cando cantar e contar era Nadal

Este espectáculo propón unha sesión de narración oral e música en directo arredor do ciclo do inverno

e do significado profundo destas datas. A través da palabra contada, Sole Felloza achega historias

e tradicións vencelladas ao Nadal: o Tizón de Nadal, os ritos de invernía, os trubincos, o Apalpador,

así como figuras do imaxinario europeo como a Befana italiana, o Krampus, o Olentzero ou Pai

Natal.

As historias conviven coa música tradicional de Nadal interpretada en directo por Mano Panforreteiro,

froito dunha investigación arredor de cantigas e melodías de inverno de Galicia e doutros territorios

de Europa. A música non acompaña, senón que dialoga coa narración, creando unha paisaxe sonora

que conecta culturas distintas a través dun tempo compartido.

Máis alá dos personaxes e dos ritos, o espectáculo afonda no verdadeiro significado destas datas: o

valor da familia e da comunidade, o tempo de estar xuntos, de cantar, de contar e de escoitar. Un Nadal

afastado do consumo e dos agasallos, entendido como tempo de encontro, memoria e palabra compartida,

no que as historias axudan a lembrar o que realmente importa.