NaturArte é unha proposta de narración oral que parte dunha idea ampla e integradora do concepto de arte, entendida como unha forma de expresión humana que nace da observación, da relación e do diálogo coa natureza.
A natureza foi historicamente:
- tema (paisaxes, animais, elementos naturais),
- materia (pedra, madeira, pigmentos, terra),
- e inspiración simbólica para a creación artística.
Desde esta perspectiva, a narración oral convértese nunha ponte entre as artes visuais (ilustración, pintura, escultura) e a palabra, permitindo achegar ao alumnado unha experiencia artística viva, accesible e significativa.
A proposta constrúese como creación oral propia, inspirada en diferentes linguaxes artísticas, sen reprodución literal de obras, mais con historias que dialogan e complementan os seus universos estéticos.

Dúas versións da proposta
Educación Infantil, 1º e 2º de Primaria
Neste tramo, a natureza preséntase como un espazo próximo, sensible e cheo de vida. As historias xorden de formas, cores, volumes e movementos presentes tanto na natureza como na arte.
A utilización de álbums infantís de autoras e autores galegos e internacionais dialoga coa obra de pintores e pintoras, tamén galegas e internacionais.
Ciclos vitais, cor, transformación, forza simbólica da paisaxe, natureza real e imaxinaria constitúen o eixo das narracións.
A mestura de diferentes artes permite ao alumnado gozar do descubrimento da natureza como fonte de historias e creación artística, así como:
- relacionar formas naturais e formas artísticas,
- desenvolver a percepción sensorial e a imaxinación,
- favorecer a expresión oral, artística e corporal.

